O BNG denuncia que Feijóo volve a burlarse de Vigo nas contas para 2013

O BNG denuncia que Feijóo volve a burlarse de Vigo nas contas para 2013

Carme Adán e Santi Domínguez denuncian a desaparición da Cidade da Xustiza e do túnel de Xulián Estévez dos orzamentos da Xunta e a falta de compromiso coa creación de emprego

A deputada Carme Adán e o portavoz municipal do BNG, Santi Domínguez, fixeron este sábado unha primeira valoración dos orzamentos da Xunta para 2013 a respecto dos investimentos para Vigo. Segundo subliñan os nacionalistas, “Feijóo volve a burlarse de Vigo nas contas para 2013”.

Santi Domínguez denunciou que os orzamentos para o vindeiro exercicio “manteñen a política discriminatoria do goberno galego a respecto da nosa cidade”. Neste sentido salientou que as contas autonómicas non contemplan a Cidade da Xustiza nin o túnel de Xulián Estévez, ao seu xuízo “dous proxectos fundamentais para o desenvolvemento de Vigo”.

Precisamento a respecto da Cidade da Xustiza, Carme Adán critica que esta dotación “desaparece definitivamente dos orzamentos da Xunta mentres o resto de cidades galegas reciben importantes partidas para dar desposta ás necesidades xudiciais”.

O portavoz municipal do BNG tamén critica que o MARCO non recibe o financiamento que necesita. “A Xunta deixa na estacada a un dos museos con mayor número de visitantes de Galiza, mentres o Gaiás segue a consumir unha parte substancial do orzamento de cultura”, destaca.

Para Santi Domínguez resulta “lamentable a falta de preocupación da Xunta no eido social, fundamental neste momento de crise”. O nacionalista critica as contas elaboradas polo goberno galego non inclúan partidas para arranxar os comedores escolares nin para asumir a xestión dos existentes, “e incluso se aminora a axuda que agora se concede ás ANPAS”, denuncia.

Sen medidas para crear emprego

A deputada no Parlamento galego subliña, por outra parte, a “falta de compromiso do goberno galego coa creación de emprego”. Carme Adán denuncia que na cidade co índice de paro máis alto de Galiza non se contempla ningunha medida para a crear emprego.

“Con estes orzamentos a economía galega seguirá en recesión no ano 2013 e e tamén no 2014”, asegura Adán, para quen “non hai medidas claras para o sector industrial que permitan que Vigo saia da situación de paro e pobreza á que está abocada con estes orzamentos”.

A deputada nacionalista considera que “aínda que a propaganda oficial pretende presentar estas contas como os orzamentos dun cambio de estratexia cara a políticas de crecemento, cun Fondo de Crecemento dotado con 386 millóns de euros, a realidade é que non hai tal cambio de estratexia e o único obxectivo é a reducción do déficit público ao 0,7% do PIB autonómico, desprezando os efectos das reducións orzamentarias sobre o crecemento e o emprego”.

Máis recesión

Segundo apunta Adán, o proxecto de lei dos orzamentos para 2013 recoñece que a economía galega seguirá en recesión no ano entrante, cunha caída estimada do PIB do 0,9%, duas décimas menos que a media estatal, “segundo as propias previsións da Xunta”, apunta.

A respeito das previsións macroeconómicas de Feijoo a nacionalista sinala que cómpre lembrar que segundo o cadro macroeconómico dos orzamentos vixentes (2012) o PIB galego medraría este ano un 1,1%, grazas á “contribución positiva do sector exterior e o mellor comportamento do sector privado”, o que “permitirá unha mellora do mercado de traballo ate o punto de que cabe esperar unha leve reducción da taxa de paro” (páxina 15 do Informe Económico-Financeiro dos orzamentos de 2012).

“A triste realidade é que, as políticas de recortes adoptadas por Feijoo na pasada lexislatura, agravadas polas medidas adoptadas no primeiro ano de mandato de Rajoy no Goberno central, provocaron a entrada en recesión da economía galega no ano 2012, cunha caida do PIB do 1,1%, un resultado diametralmente oposto ao previsto por Feijoo nos orzamentos de 2012, cunha desviación nas previsións do 200%” explica Adán, quen apunta ironicamente que “Feijoo acertou na cifra pero se enganou no signo”.

Segundo a deputada “pese a propaganda do Fondo para o Crecemento de 386 millóns de euros, a realidade é que os gastos de capital contidos nestes orzamentos redúcense en case 170 millóns de euros, un 11,1% a respeito dos orzamentos iniciais de 2012, e mais do 51% a respecto dos orzamentos iniciais de 2009”

Redución dos investimentos reais

En concreto, os Investimentos Reais (Cap.6), redúcense en mais de 82 millóms de euros, un10,5% a respeito de 2012, e as Transferencias de Capital (Cap.7) redúcense en mais de 87 M€, un 11,6%. “O peso relativo dos gastos de capital pasou do 23,78% nos orzamentos iniciais de 2009, ao 14,37% nestes orzamentos”, sinala Carme Adán.

“Con esta caida dos gastos de capital tanto ten a etiqueta que lle poñan ao Fondo de Crecemento”, destaca a responsable nacionalista, quen critica que a pesar da propaganda da austeridade, “o peso dos Gastos Correntes nestes orzamentos segue a estar 2 puntos por enriba do peso do gasto corrente nos orzamentos iniciais de 2009”.

O BNG denuncia que Feijóo volve a burlarse de Vigo nas contas para 2013