O BNG fíxase o obxectivo de recuperar os 50.000 visitantes perdidos aos museos nos últimos 4 anos

O BNG fíxase o obxectivo de recuperar os 50.000 visitantes perdidos aos museos nos últimos 4 anos

Serafín Otero defendeu a reactivación da Rede Museística Municipal e o aumento das achegas económicas ao Marco por parte do Concello e a implicación do resto das administracións

 

Sere rede museísticaVigo, 29 de abril de 2015.- O candidato do BNG – Asembleas Abertas, Serafín Otero, destacou que a situación que atravesa o Museo de Arte Contemporánea é a “demostración do nulo interese do PSOE e do PP pola nosa cultura”. Criticou que hoxe en día o MARCO recebe “aproximadamente un terzo” das achegas económicas que recibía cando se abriu en 2002, polo que defendeu o incremento da partida destinada a este museo e a implicación das administracións.

“Queremos denunciar a situación pola que está pasando o Museo de Arte Contemporánea de Vigo, xa que os recortes do Partido Popular e do Partido Socialista o están levando a unha situación de precariedade”, denunciou o candidato nacionalista tras un reparto informativo diante do museo no que explicou que debido a estes recortes, o Marco “actualmente non representa o emblema que debería ser entre os museos da cidade”.

Serafín Otero criticou que o museo sufra recortes por parte da Xunta e da Deputación desde hai anos, “pero ultimamente existen recortes tamén por parte do Concello”, engadiu. Segundo considerou, estes recortes provocan a baixada no número de visitantes, algo ao seu xuízo “catastrófico para a nosa cidade”.

Sera propostasAmpliación dos horarios

Segundo destacou, un dos obxectivos prioritarios para o BNG no eido cultural é “poñer en valor os museos”, para o cal é indispensable reactivar a Rede Museística municipal como ferramenta “para avanzar na estruturación e coordinación dos museos vigueses”, explicou, citando Castrelos, a Pinacoteca, a Casa das Artes, o Verbum, o Centro Galego de Fotografía e a Casa Galega da Cultura, e os xacementos do Castro e Toralla.

Segundo asegurou, “cómpre facer as achegas necesarias para que esta rede funcione e non podemos deixar que se manteña a situación actual”, polo que defendeu traballar no obxectivo de recuperar os visitantes, en concreto, os 50.000 visitantes perdidos nos últimos catro anos.

Para conseguir este obxectivo salientou que é necesario ampliar os horarios de visita, reducidos drasticamente polo goberno do PSOE. “Ademais os museos non se poden converter en almacéns de cultura”, advertiu o candidato nacionalista, senón “facelos accesíbeis a todos os públicos e tamén ás persoas que visitan a cidade”, engadiu. “Hai que encher os museos de máis contidos, con actividades que dinamicen estes espazos culturais, e que os fagan cobrar vida”, concluíu.