O BNG fíxase como reto recuperar Vigo como motor económico e cidade de servizos públicos de calidade

O BNG fíxase como reto recuperar Vigo como motor económico e cidade de servizos públicos de calidade

Xavier Vence define a candidatura BNG-Asembleas Abertas como ferramenta da cidadanía que non se resigna nin aos recortes do PP, nin as bravatas de Caballero

Serafín Otero: “Vigo non pode perder outros catro anos cun alcalde sen proxecto político”

 

pres candidatura venceVigo, 12 de decembro de 2014.- Recuperar Vigo como motor económico e como cidade de cohesión social con servizos públicos de calidade son os retos cos que o BNG-Asembleas Abertas se presenta aos comicios municipais de maio. Para acadar este obxectivo, o Bloque vigués conta cunha candidatura que pretende ser a “ferramenta útil” para toda a cidadanía “que non se resigna, nin a política de recortes do PP, ni as bravatas de Caballero”, segundo subliñou o portavoz nacional, Xavier Vence.

Na presentación da candidatura na cidade olívica, -a primeira que realiza o Bloque en todo o país-, Vence subliñou o traballo feito pola formación nacionalista. “Moitas das realizacións da cidade levan o selo do BNG”, tanto desde o goberno como desde a oposición, “como motor das reivindicacións da cidadanía” e, de cara ás eleccións de maio, presenta unha candidatura “renovada e ilusionada” encabezada por Serafín Otero, “un loitador contra as políticas de recortes do PP”.

Ao xuízo do portavoz nacional do BNG, Vigo precisa dunha alternativa nacionalista “para facer fronte tanto ás políticas da dereita como a un goberno local que finalmente traballa na mesma dirección pactando co PP”. “É unha candidatura modélica co obxectivo de recuperar Vigo como motor económico, capaz de crear emprego, con servizos públicos de calidade, -como a sanidade-, e que se empeñará en combater a exclusión social”, sintetizou Vence.

“Na rúa defendemos a sanidade pública, o naval, a pesca, o comercio local, estamos ao lado da xente. O que pretendemos facer, como ata agora, e levar esas demandas con propostas e traballo ao concello”, recalcou, tras valorar o labor “inxente” do ata agora equipo municipal do BNG.

pres candidatura serafínPropostas para a cidade

O cabeza de lista, Serafín Otero, na súa intervención fixo fincapé en que Vigo “non pode volver perder catro anos” cun alcalde “sen proxecto, pendente da foto e do titular, soberbio e incapaz de escoitar a ninguén”. Segundo explicou, desde o BNG “propoñemos máis e mellores servizos públicos”, e recalcou que “non partimos de cero, senón que temos unha experiencia de traballo con propostas para a cidade”.

Otero quere que a “indignación social” se escoite nos plenos municipais. “Os problemas da xente por diante”, dixo, argumentando que o modelo de cidade ten que ir máis aló “da loseta e do maceteiro”. “Facer transparentes as paredes dos despachos, sen negocietes”, tras asegurar que é necesario loitar contra o desmantelamento dos servizos públicos, dos sectores produtivos como a pesca e o naval claves en Vigo, contra o retroceso dos dereitos e liberdades e para darlle futuro a mocidade.

Pola súa banda, Vitoria Otero, número dous da lista nacionalista, fixo a presentación da candidatura BNG-Asembleas Abertas salientando a diversidade dos homes e mulleres que a integran pero unidos “pola loita contra as desigualdades e a prol do benestar colectivo”. “O nacionalismo é importante nesta etapa para buscar solucións autocentradas na nosa realidade”, concluíu.

 

O BNG fíxase como reto recuperar Vigo como motor económico e cidade de servizos públicos de calidade