Otero presenta as 55 propostas do BNG imprescindibles para cambiar o rumbo de Vigo

Otero presenta as 55 propostas do BNG imprescindibles para cambiar o rumbo de Vigo

Resposta ás necesidades sociais, desenvolvemento dunha cidade para vivir e para traballar, democracia participativa e cidade sostible e en rede son os eixos que destacou o candidato nacionalista

 

present 55 medidas programaVigo, 7 de maio de 2015.- O candidato do BNG – Asembleas Abertas á alcaldía de Vigo, Serafín Otero, destacou as 55 iniciativas prioritarias do programa co que o Bloque se presenta as eleccións do 24 de maio, que desenvolven os eixos principais do documento: a resposta ás necesidades sociais e o combate do desemprego; a remunicipalización dos servizos públicos; o aumento dos servizos sociais; a recuperación da democracia participativa; a potenciación de Vigo como cidade sostible, e a aposta pola lingua, a cultura e o deporte.

Neste sentido, Serafín Otero subliñou en concreto a execución dun plan de choque contra o desemprego xuvenil e feminino; o incremento das axudas de emerxencia social até cubrir o 100% da demanda; a creación dun parque público de vivenda de aluguer; a implantación da fiscalidade progresiva; a remunicipalización progresiva dos servizos; a elaboración dun novo plan de liña de transporte colectivo; a apertura de 800 prazas nas escolas infantís; así como o fomento da participación cidadá e a transparencia, a defensa da lingua e a recuperación do litoral.

Na presentación destas propostas, o cabeza de lista estivo acompañado por parte do equipo redactor, entre outras persoas a deputada no Congreso, Olaia Fernández; a deputada no Parlamento galego, Carme Adán; e os candidatos en Vigo, Manuel Caride e Diego Santorio; e a candidata Maribel Tato. “Faltan outros compañeiros e compañeiras que hoxe non poden estar aquí por motivos laborais”, apuntou.

Programa aberto

O candidato do Bloque definiu o documento co que se presenta ás vindeiras eleccións como “programa aberto”, posto que “vén de achegas das distintas asembleas abertas que fixo o BNG e porque na súa elaboración participaron decenas de persoas, a partir dos máis de 30 colectivos co que nos xuntamos durante os últimos catro meses”.

present 55 medidas programa 2Sera Otero destacou asemade que é un documento aberto porque se trata dun documento base “ao que se lle poderá adicionar novas propostas e ideas”. Neste sentido apuntou que esta fin de semana publicarase no sitio web www.bng.gal/vigo o documento íntegro, pero “estará a disposición para que calquera colectivo ou calquera persoa que queira facer propostas nolas faga chegar para poder recollelas, debatelas e se é preciso incluílas”, comentou.

“Quixemos elaborar o programa do mesmo xeito que defendemos que se debe facer co goberno desta cidade, escoitando e dialogando de maneira permanente”, subliñou o candidato do Bloque, quen destacou asemade que os retos e as necesidades “que enfrontamos esixen de respostas dinámicas, lonxe das rixideces do autoritarismo”.

Serafín Otero manifestou que o programa aberto do BNG quere ser “a expresión da nosa proposta política de cambio de rumbo para a cidade, ao servizo do pobo”. Neste sentido defendeu que o Bloque ten as “propostas concretas para resolver todos e cada un dos principais problemas que enfronta a cidade”, especialmente as principais necesidades sociais, demostrando que outra forma de gobernar non só é necesaria senón que é posíbel. “Temos as ideas, as propostas e a equipa para facelo”, asegurou.