O Bloque urxe o rescate público da concesión do novo hospital de Vigo

O Bloque urxe o rescate público da concesión do novo hospital de Vigo

Exixen a Xunta e Concello de Vigo que deixen de xogar coa saúde como arma partidista e cooperen para resolver as graves deficiencias do HAC.

HACVigo, 11 de setembro de 2015.- Para o BNG de Vigo o clamor social que a semana pasada deu lugar a unha manifestación histórica e multitudinaria, supón unha emenda á totalidade por parte da veciñanza ao modelo privatizador da sanidade imposto polo Partido Popular. En opinión das nacionalistas, a mensaxe que enviaron as 200.000 persoas que se manifestaron a prol dun hospital cento por cento público, con todas as garantías e servizos, só será posíbel a través do rescate da concesión privada que actualmente rexe o centro hospitalario.

Nese sentido, o Bloque reitera a urxencia de iniciar o proceso para recuperar a xestión pública de todos os servizos, sanitario ou non, do novo hospital e no que se resolvan ademais as graves carencias dotacionais e os problemas de organización que denuncia o persoal sanitario. “A única solución real e completa para as graves deficiencias do Hospital Álvaro Cunqueiro é que sexa cento por cento público e cunha xestión cento por cento pública, orientada a prestar o mellor servizo e non a facer negocio” defenden.

Diante da posibilidade de se retomar o  traslado hospitalario ao Álvaro Cunqueiro a partir do próximo día 21, defenden que antes de reinicialo é preciso esclarecer publicamente todas as deficiencias sanitarias, construtivas e de funcionamento que presenta o HAC, para o que propoñen a creación dunha Comisión de Investigación. Do contrario, para a Executiva Local do BNG, estaríase reincidindo na irresponsabilidade coa que xa se iniciara, de maneira precipitada e por intereses electoralistas, a posta en marcha do novo hospital.

“Antes de trasladar a actividade cirúrxica e a máis doentes é indispensábel que se disipe calquera dúbida sobre a falla de garantías sanitarias” sinalan, en referencia á alarma social provocada após a suspensión do traslado por parámetros de contaminación aérea.

Lea partidista

Por outra banda o Bloque Nacionalista Galego exixe tanto á Xunta de Galiza, como primeira responsábel, e ao Concello de Vigo, que deixen de utilizar unha cuestión tan grave como arma para a confrontación partidista. Desde o BNG lembran que foi o pacto entre o  PSOE e o PP para a aprobación dos últimos orzamentos municipais o que fixo que o Concello asumise as acometidas que permitiron a apertura do HAC, a sabendas do seu modelo privatizado e da existencia dun aparcadoiro de pago. Unha medida que contou sempre co rexeitamento do BNG e que mereceu o reproche dos colectivos en defensa da sanidade pública, polo que supuña de colaboración cun modelo hospitalario rexeitado masivamente pola veciñanza da cidade e da área sanitaria de Vigo.

As nacionalistas defenden que Xunta e Concello deben cooperar e traballar conxuntamente para resolver cuestións como son a accesibilidade ao novo hospital ou o aparcadoiro. “Nin os vigueses e viguesas temos un transporte urbano adecuado ás necesidades de atención sanitaria nin as persoas de fora do concello poden usalo, pois non existe”, critican.  Por iso defenden que a colaboración estreita de despregue de liñas urbanas e interurbanas complementarias axudaría a resolver o acceso ao novo hospital e non estar obrigado a utilizar o transporte e o aparcamento privado, así como a colaboración para garantir un aparcamento público serviría para eliminar un  “repago” indirecto pola prestación sanitaria.

A denuncia da insuficiente conexión por transporte colectivo, nomeadamente urbano, co HAC foi trasladada ao Parlamento Galego no día de onte pola deputada nacionalista Carme Adán [Vídeo da súa intervención aquí].