O BNG pregunta pola seguridade na rúa Pontillón, no contorno do parque de Castrelos

O BNG pregunta pola seguridade na rúa Pontillón, no contorno do parque de Castrelos

Iolanda Veloso tamén demanda explicacións ao goberno polos problemas telemáticos na inscrición aos campamentos de verán

 

Vigo, 2 de xuño de 2014.- O concelleiro do BNG, Xabier Alonso, formulou dúas cuestións no pleno sobre os problemas de seguridade existentes actualmente no contorno do parque de Castrelos, en concreto na rúa Pontillón. Preguntou ademais se o goberno ten previsto tomar algunha medida para resolvelos.

Por unha banda, Xabier Alonso sinalou que na subida do Pontillón, cara ao acceso ao parque de Castrelos hai unha única beirarrúa no lado esquerdo. Apuntou que na maioría do seu trazado non ten o ancho suficiente para que circule un carro de bebés, o que ocasiona un auténtico perigo para as familias que circulan por esa beirarrúa.

Ademais, indicou que no STOP de saída do parque de Castrelos non hai visibilidade dos vehículos que veñen tanto pola esquerda como pola dereita, sendo o cruce moi perigoso. Ao respecto, o edil do equipo de goberno David Regades asegurou que xa existe un plan de actuación nesta zona de xeito que estes problemas quedarán resoltos.

Iolanda Veloso, pola súa banda, preguntou polos problemas telemáticos que se produciron a semana pasada á hora de formalizar as inscricións nos campamentos de verán do Concello de Vigo. Ao respecto, Regades indicou que se trata dun problema coa compañía subministradora (R), que será solucionado proximamente cando se cambie o operador.

Bicicletas eléctricas

O concelleiro Santi Domínguez preguntou por que se lle denega a unha tenda de bicicletas eléctricas a colocación diante da súa fachada un pequeno aparcamento público para estas bicicletas. O edil nacionalista apuntou que, pola contra, parece ser que diante da súa fachada, a establecementos contiguos si se lles autoriza a colocar unhas terrazas cando estes establecementos xa teñen as devanditas terrazas diante dos seus negocios. “Estamos analizando a situación”, manifestou ao respecto o edil López Font.

 

O BNG pregunta pola seguridade na rúa Pontillón, no contorno do parque de Castrelos