O Bloque reclama toda a documentación sobre as axudas públicas concedidas a Pescanova

O Bloque reclama toda a documentación sobre as axudas públicas concedidas a Pescanova

Carme Adán e Iolanda Veloso denuncian que Galiza “está en estado de liquidación”, tanto no sector financeiro como no industrial

rolda Pescanova Carme e IolandaA deputada Carme Adán e a portavoz municipal Iolanda Veloso expresaron a preocupación do Bloque pola “dramática situación” do sector industrial de Vigo, e concreto pola actual liquidación de Pescanova. Neste sentido reclamaron que o goberno galego remita ao Parlamento toda a documentación das axudas públicas recibidas por Pescanova nos últimos 8 anos, que suman máis de 44 millóns.

“Independentemente das manobras que se están realizando, a realidade é que Pescanova é unha empresa que se está liquidando e que vai provocar un forte aumento das persoas desempregadas na nosa comarca”, advertiu a portavoz municipal.

Iolanda Veloso fixo fincapé na gravidade do sector industrial vigués, dada a situación na que se atopa Freiremar, e incluso os EREs que se están producindo na industria do automóbil. Diante desta situación salientou que o BNG ten presentado no Parlamento diversas iniciativas para impedir o desmantelamento do sector galego en xeral, e vigués en particular.

“Estamos nun fin de ano no Galiza está en liquidación”, denunciou Carme Adán, ao tempo que subliñou que o feito de que Pescanova está en liquidación “non só o dicimos nós, senón tamén os pequenos accionistas”, en alusión ao publicado estes días na prensa.

Revisión dos expedientes

Carme Adán resaltou que Pescanova é unha das empresas que máis cartos públicos recibiu, en total máis de 44 millóns nos últimos oito anos, ademais de 4 millóns “en forma de préstamo participativo”, polo que informou de que ao respecto, o Bloque presentou unha proposición non de lei no Parlamento galego para o seu debate en pleno e en comisión.

“Reclamamos toda a documentación das axudas públicas e que o goberno, cos mecanismos dos que dispón, as revise”, demandou Adán, quen insistiu en que se debe remitir todos os expedientes e as facturas posto que “son moitos cartos de todos os galegos e galegas”.

Neste sentido sinalou que a proposta do BNG reclama asemade a creación dunha comisión de investigación sobre o uso realizado pola empresa das axudas públicas que recibiu.

“Pescanova é unha das empresas que máis cartos recibiu, así como un trato de favor por parte dos gobernos do PP”, denunciou a deputada nacionalista, quen criticou o silencio de Feijóo perante a grave situación da empresa.

O Bloque reclama toda a documentación sobre as axudas públicas concedidas a Pescanova